Máis de 200 estudantes da Illa de Arousa participaron no concurso de debuxos “Camiños escolares a Arousa Escola”

  • Os nenos e nenas do CEIP Torre Illa e do Sorrisos e Bágoas participaron nun concurso que ten por obxectivo atopar a mascota mariña fantástica que lles acompañará nos roteiros aos colexios.
  • Os debuxos presentados atópanse expostos ao público no Auditorio da Illa de Arousa.
  • O obxectivo do concurso é promover a mobilidade sostible e asegurar a seguridade dos menores no camiño á escola.

A Illa de Arousa (Pontevedra), 5 de abril de 2021. 230 estudantes da Illa de Arousa, entre os 3 e 11 anos, participaron no concurso “A Arousa Escola”, organizado polo Concello da Illa de Arousa. O alumnado participante entregou as súas propostas de mascotas mariñas fantásticas ao profesorado dos colexios que apoiaron a iniciativa e, durante estes días, tras ser avaliadas por un comité, son sometidas ao voto popular nas redes sociais do proxecto @move_a_illa.

O concurso pretende potenciar a creatividade dos estudantes e implicalos na vida municipal. A finalidade é animar á poboación máis nova da Illa de Arousa a ir camiñando á escola, creando camiños seguros para eles e fomentando a súa independencia e autonomía. As mascotas vencedoras indicarán os distintos roteiros e acompañarán aos estudantes do municipio nos seus traxectos escolares. Esta medida diminuirá o número de vehículos privados que se trasladan ás escolas todas as mañás e medio días, reducindo así as emisións de carbono na illa e incentivando a práctica de hábitos saudables entre a poboación máis nova.

O prazo de participación, aberto desde o 25 de febreiro, finalizou o pasado 24 de marzo. Durante este tempo o alumnado do CEIP Torre – Illa e do Sonrisas y Lágrimas elaboraron as súas obras co obxectivo de participar nunha das tres categorías nas que está dividido o concurso: categoría de Educación Infantil, categoría de 1º a 3º de Primaria e categoría de 4º a 6º de Primaria.

Tras a entrega das ilustracións un comité realizou a selección de 9 debuxos finalistas, 3 por categoría, que nestes momentos están a ser avaliados polo público a través das redes sociais do proxecto. A mascota que obteña máis “ likes” en cada unha das categorías será a vencedora, sendo seleccionados como gañadores 3 dos debuxos presentados e cuxos autores recibirán un premio.

Así mesmo, todos os debuxos recibidos, un total de 230, atópanse expostos no Auditorio da Illa de Arousa nunha mostra aberta ao público.
O proxecto Move a Illa

Move A Illa é un proxecto que busca a transformación da Illa de Arousa nun municipio referencia da mobilidade urbana sostible europea, e acóllese ás axudas a proxectos de economía baixa en carbono, promovidos por entidades locais. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80%, dentro do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, e xestionado por Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético ( IDAE).

Para máis información, visita a web moveailla.gal.