28 Mai A Illa premia ás mascotas mariñas fantásticas que sinalizarán os camiños escolares seguros
As mascotas mariñas fantásticas creadas por Martín Divos García, José García Nieto e Olaia Lojo Uzal foron as gañadoras do concurso “A Arousa Escola” organizado polo Concello da Illa de Arousa co que o proxecto Move a Illa pretende implicar aos máis pequenos do municipio na estratexia municipal de crear camiños escolares seguros.
A finalidade é animar aos alumnos para ir camiñando á escola, creando camiños seguros para eles e fomentando a súa independencia e autonomía.
Ao concurso presentáronse 230 debuxos elaborados polos alumnos do CEIP Torre – Illa e do Sorrisos e Bágoas. De todos eles, un comité realizou a selección de 9 debuxos finalistas, nas categorías de Educación Infantil, de 1º a 3º de Primaria e de 4º a 6º de Primaria, que foron publicados nas redes sociais de Move a Illa para a votación do público.
As mascotas que conseguiron máis “me gusta” foron as de Martín, José e Olaia, que onte recibiron os seus agasallos de mans do alcalde, Carlos Iglesias, e os edís de Cultura, Rosi Viana, e de Seguridade, Luís Arousa e que serán as que indiquen os distintos roteiros e acompañen aos estudantes nos seus traxectos escolares.
Así mesmo, todos os debuxos recibidos atópanse expostos no Auditorio municipal nunha mostra aberta ao público.
Esta medida diminuirá o número de vehículos privados que levan e recollen aos alumnos, reducindo así as emisións de carbono na illa e incentivando a práctica de hábitos saudables entre a poboación máis nova.
Fonte: Diario de Arousa