Move a Illa organiza charlas de mobilidade sostible no colexio CEIP Torre Illa

O proxecto Move a Illa está a organizar charlas de mobilidade sostible no colexio CEIP Torre Illa. A principal temática son os transportes que conviven (transportes sostibles e non sostibles) e a seguridade viaria. O alumnado ao que esta dirixida esta formación é o de 5ºA e 5ºB de primaria do CEIP Torre Illa.

Tras unha introdución breve coa presentación dos cambios na mobilidade e os medios de transporte ao longo do tempo (beneficios/problemas ambientais), realizarase unha enquisa sobre uso dos transportes, falarase da educación viaria (explicacións breves sobre a sinalización, circulación e cruces) e haberá un concurso de preguntas. O alumnado reflexionará sobre as diferentes formas de mobilidade a través dunha dinámica participativa, comprendendo os impactos asociados a cada alternativa (coche, autobús, bicicleta, a pé).

Organizarase tamén un xogo, dividindo aos alumnos en varios grupos, cada un representando un medio de transporte (coche, autobús, bicicleta, viandantes). Cada grupo seguirá unha ruta marcado nun taboleiro para chegar da casa ao centro educativo, segundo avanzan nas casas do taboleiro irán atopándose con probas/preguntas que terán que responder ou cumprir. Cada resposta nas probas recibirá nubes de contaminación. Ao final do xogo se fará un reconto das nubes. Gaña o equipo con menos nubes. Ao final farase unha reflexión grupal e acompañamento con explicacións.

Cada alumno redactará unha carta explicando ao resto dos e das estudantes o que aprenderon sobre mobilidade e camiños escolares, ademais de levar un mapa co documento e elaborar unha ruta dende a súa casa ao centro educativo, como tarefa externa.

Utilizando como resumo das actividades as cartas elaboradas polo alumnado de 5º, o profesorado do centro poderá realizar algunha entrevista ou vídeo resumo dos coñecementos adquiridos para presentar a toda a comunidade educativa.